O presidente da FGE presentou o acto.

O Concello de Mondoñedo xa é oficialmente o punto neurálxico da Espeleoloxía en España, tras a apertura, o pasado 4 de maio, do Centro Español de Documentación Espeleológica, acto ao que asistiron a alcaldesa de Mondoñedo, dona Elena Candía López; o deputado de Turismo e Cultura, don Eduardo Vidal Baamonde; e a directora da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, dona Nava Castro Domínguez, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, don José Manuel Balseiro Orol.

A representación espeleolóxica estivo a cargo do presidente da Confederación de Espeleología y Cañones (CEC), don Hilario Ubiedo de Oñate, e do presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, don Francisco Martínez García.

A maioría dos invitados estaban relacionados coa Espeleoloxía, aínda que tamén acudiron, curiosos, numerosos veciños de Mondoñedo.

O Centro Español de Documentación Espeleológica (CEDE) custodia, entre outras publicacións, as memorias das campañas de todas as exploracións realizadas polos espeleólogos federados, en España e resto do mundo, desde a década dos anos ‘60.

O CEDE recompila, ademais, gran parte da documentación da desaparecida Federación Española e tamén ten integrados os fondos da Federación Galega de Espeleoloxía, o que suma perto de tres mil volumes.

Asemblea da CEC e exposicións fotográficas

As autoridades asistentes ao evento.

Situado no Pazo de Santo Tomei, que tamén acolle o Centro Comarcal, o CEDE ocupa parte da terceira planta deste edificio de titularidade municipal, a cal percorreron as autoridades así como os presidentes do resto de Federacións autonómicas que asistiron pola mañá á celebración da Asemblea xeral da CEC, que tivo lugar nas instalacións, e os presidientes de varios clubes galegos de espeleoloxía.

Tamén se presentou o último número da revista ‘Furada’, que edita a FGE, recentemente saído de imprenta.
Os presidentes das Federacións autonómicas que viaxaron a Mondoñedo estaban desexosos de coñecer as instalacións do CEDE.

Este fermoso edificio do século XVIII tamén alberga actualmente varias exposicións fotográficas temporais sobre cavidades galegas e doutros puntos de España-achegadas polo club GES Ártabros de A Coruña-.

As instalacións acollen, ademais, unha exposición temática sobre cartelería de actividades relacionadas coa Espeleoloxía, desenvoltas en toda España dende a década dos anos 60’.