Asistentes á Xornada da EGE.

A provincia de Lugo e o Concello de Mondoñedo foron os lugares escollidos para a Xornada monográfica adicada á Cartografía dixital e situación de cavidades por GPS.

A organización da actividade correu a cargo de Manolo Díaz Prieto (técnico da EGE) e como colaborador da parte técnica asistiu Marcos Vaqueiro Rodríguez, do Clube de Espeleoloxía A Trapa (Cetra), celebrándose de forma intensiva durante o pasado día 1 de decembro.

Esta actividade foi promovida e subvencionada pola Federación Galega de Espeleoloxía, a través da Escola Galega de Espeleoloxía (EGE). Os participantes pertencían aos clubs: G.E. Lugo, E.C. Aradelas, G.E.S. Ártabros, Cetra e un deportista individual.

Preparando as prácticas exteriores na zona cárstica de Supena-Orxal con GPS.

Nesta Xornada empregáronse as técnicas e as ferramentas máis novidosas, dotando dos coñecementos necesarios ó alumnado para situar e posicionar as cavidades co ATLASnaIGN-AppeGPS, no término municipal do Concello de Mondoñedo.

Os temas impartidos, de carácter teórico, complementáronse con practicas, tanto na aula como no medio natural, así como cunha ampla documentación técnica entregada a cada participante, o que supuxo acadar un nivel básico máis homoxéneo para a divulgación deste tipo de actividade.

Tódolos obxectivos desta Xornada da EGE foron moi concisos dende o inicio, acordándose entre todos os participantes o tipo de programación que se utilizou e valorándose positivamente na “posta en común”, tanto a calidade docente como o material técnico e didáctico empregado.

O Concello de Mondoñedo cedeu a súa aula de informática para o desenvolvemento desta Xornada.

Os softwares actuáis de topografía de cavidades compleméntanse co uso correcto das ferramentas necesarias para o posicionamento GPS sobre os planos cartográficos; debendo, non obstante, ser conscientes da importancia que hoxe en día ten a súa utilización nas actividades espeleolóxicas que se emprenden, incluíndo tamén o Descenso de Canóns e o Espeleomergullo.

Por iso, coñecer o manexo do material e equipos propios destas especialidades, axudará á resolución de problemas e aumentará a nosa seguridade na práctica deportiva.

¡Dende a EGE animámosvos a participar nunha próxima edición!

Autor: Manolo Díaz Prieto, director da actividade e técnico deportivo da EGE.

                 CONTACTO ESCOLA GALEGA DE ESPELEOLOXÍA                   
Directora: María Luisa Barros Rodríguez          Teléfono: +34 616 357 171
Dirección: Rúa Fotógrafo Luís Ksado nº 17, Of. 15, 36209 Vigo 
Correo-e: escuela@espeleoloxia.org     IBAN: ES62-2080-0553-5730-4000-8264