Seguindo a dinámica de colaboración do ano pasado entre a Universidade de Arqueoloxía da Coruña e a Escola Galega de Espeleoloxía (EGE), o día 26 de agosto celebrouse unha xornada  arqueolóxica na Cova Eirós, coa fin de achegar as descubertas realizadas na cavidade e divulgar a importancia do Patrimonio Natural e Cultural das cavidades galegas

O obxectivo principal desta xornada é formativo, dirixida ó colectivo de técnicos da EGE, para explicar as características dos traballos arqueolóxicos; os seus métodos de rexistro, ensinar a importancia do contexto onde aparecen os restos, e, sobre todo, amosar as manifestacións de arte rupestre que se atopan no seu interior.

Pola tarde explorouse o interior da cova de Galleira, na parroquia de Sta. María do Monte. Amais do valor arqueolóxico, estas cavidades de pouco percorrido, ofrecen formacións estalagmíticas, galerías e pequenos pozos e resaltes de certo interese espeleolóxico.

Os espeleólogos son, na maioría dos casos, os primeiros ollos que entran nas cavidades e pioneiros nas descubertas arqueo-paleontolóxicas. Para nós, esta é unha das principais facetas deste deporte-ciencia.

Unha ollada nova, de seguro contribuirá a enriquecer e ampliar o catálogo de xacementos arqueo-paleontolóxicos en Galicia. Un bo exemplo está no País Vasco, onde nestes últimos 6 anos a colaboración entre a Unión de Espeleólogos Vascos e os arqueólogos da Diputación de Bizkaia levou a descuberta de máis de media ducia de covas con arte rupestre paleolítico. Por iso, consideramos que é moi importante ilustrar e divulgar acerca do potencial patrimonial das cavidades e amosar as súas características.

Autor: Arturo Lombeira, arqueólogo da Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela .

 

Alberto Vila: «A título persoal, a nivel espeleológico e como persoa, gústame aprender cada día»

Toda a mañá estivemos varios técnicos da EGE percorrendo as galerías da Cova Eirós. Durante a tarde achegámonos ata o laboratorio que a Universidade de Santiago de Compostela e ao departamento teñen en Triacastela, e alí mostráronnos cómo realizar os achados, ademáis da limpeza, colocación, marcaxe do material e clasificación do mesmo (cronoloxía, datación, localización do estrato, etc).

Este tipo de coñecementos que se unen á disciplina de espeleoloxía -porque non podemos esquecer que as covas eran lugares de refuxio tanto de homes como de animáis-, son enriquecedores para os amantes da espeleoloxía coma eu, debido a que espertan a curiosidade, pois antes que nós, onde poñemos os nosos pés, poida que outros tivesen o seu lugar de convivencia.

Así que, por min, agora, cada vez que vaia a unha cova, terei un pouco máis de coñecemento para dicir se o que vexo nas paredes poden ser indicios de algo que os expertos teñan que estudar ou se atopo algún resto útil de pedra e, como non, se aparecen restos óseos.

O experimentado esta fin de semana e as explicacións dadas por Arturo Lombera, resultaranme de gran utilidade dentro deste mundo que me apaixoa, que é a espeleoloxía.

Autor: Alberto Vila Garrido, técnico deportivo da EGE.

                 CONTACTO ESCOLA GALEGA DE ESPELEOLOXÍA                   
Directora: María Luisa Barros Rodríguez          Teléfono: +34 616 357 171
Dirección: Rúa Fotógrafo Luís Ksado nº 17, Of. 15, 36209 Vigo 
Correo-e: escuela@espeleoloxia.org     IBAN: ES62-2080-0553-5730-4000-8264