Nos fins de semana 10-11 e 24-25 de marzo do 2018 levouse a cabo o *Curso de Iniciación á Espeleoloxía, organizado pola Escola Galega de Espeleoloxía (EGE), nas localidades de Mondoñedo (Lugo) e Cobas (Ourense).

O primeiro finde foi no Refuxio da Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) en Argomoso (Mondoñedo).

O sábado pola mañá estivemos cun pouco de teoría para que os alumnos coñeceran dende dentro o mundo subterráneo (as súas formacións, o material necesario, nocións de seguridade…). Xa pola tarde puxémonos os arneses e comezamos coa práctica vertical para ir aprendendo a técnica de progresión por corda que se utiliza nas covas (ascenso e descenso, chaves de bloqueo, paso de fraccionamentos, desviadores e nós).

O domingo, a primeira hora da mañá, rematamos a práctica de vertical e ás 11h marchamos para a Cova do Rei Cintolo. Votamos alí todo o día, perdéndonos (é un dicir) polo seu gran percorrido, descubrindo todas as súas formacións, salas, galerías e segredos… «o certo é que a comida sabe moito mellor unha vez estás baixo terra».

O segundo fin de  semana tocounos en Cobas, no refuxio da FGE.

O sábado estivemos todo o día de covas. Para poder chegar a elas tivemos que recorrer o fermoso Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Nestas cavidades tocou facer as prácticas de topografía para aprender a orientarse baixo terra. Na primeira custou un pouco arrancar, pero despois orientábamos bastante ben. O problema chegou na segunda, unha cova chea de ventás que dan ó río e de galerías en distintos niveis na que non resultou tan doado orientarse. Pero ó final conseguimos chegar ó punto sinalado.

O último día do curso fomos a unha cova vertical, para poñer en práctica todo o aprendido. Entramos nela pola bóveda do teito, rapelando un pozo de 18m completamente aéreo, sen paredes nas que poder apoiarnos. Fomos baixando sucesivos pozos ata chegar a un pequeno lago onde sifona a cova. Comemos dentro collendo forzas para poder afrontar a subida.

Xa de volta no refuxio, lavamos o material e recollemos todo.

Chegou a hora de despedirnos. O curso xa rematou.

A partir de agora, ¡xa nos veremos polas covas!

Iago Rodríguez Estévez, director do curso e técnico deportivo da EGE.

* Docentes do curso e técnicos deportivos da EGE: Iago Rodríguez Estévez, Francisco Couto Villar e Miguel Caramés Rodríguez.