O CLUBE MAUXO PRESENTA O “TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO”
O vindeiro sábado 17 de decembro, da mán do noso compañeiro Xavier Grova, preséntase o libro titulado: TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO.
Elaborado durante anos polo Clube Espeleolóxico Maúxo, nesta obra compílanse máis de 1200 referencias documentais (textos e imaxes) de interese galego datadas antes do ano 1970. O volume, que conta con 544 páxinas a toda cor, trata sobre medio milleiro de cavidades naturais e artificiais, subterráneos de todo tipo (covas cársticas, pseudocársticas, paracársticas, túneles, minas, pozos, corredores míticos etc) achegando información de proveito para calquera persoa interesada na natureza, xeoloxía, xeografía, arqueoloxía, historia, etnografía, literatura e, por suposto, para quen desexe profundizar nos diversos precedentes da actual espeleoloxía galega. A obra conta coa brillante coautoría da poeta e profesora Alba Cid e a excelencia editorial de Ramom Pinheiro Almuinha (aCentral Folque). O acto de presentación, aberto ao público até completar a capacidade do local, comezará ás 17:00 horas na sala auditorio da Casa do Deporte da Xunta de Galicia en Vigo (rua Fotógrafo Luís Casado 17), e contará coa asistencia dos autores, do editor e mais co apadriñamento de D. Gonzalo Villarmea, presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, e do seu antecesor no cargo directivo, D. Francisco M. Martínez García.