Formación aos colaboradores no Atlas Dixital de Cavidades de Galicia
A Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) pechou hoxe en Mondoñedo un curso básico de dous fines de semana para formar –en Qgis e Atlas Dixital- aos colaboradores no proxecto de creación do Atlas Dixital de Cavidades e Canóns de Galicia.
No mesmo, ademais de indentificar as cavidades, estase a traballar na elaboración dos soportes dixitais, ámbitos nos que colaboran Nevian Systemas e Tenzas Enxeñería e Asesoramento.
O vogal de Conservación e Atlas de Cavidades de Galicia, Marcos Vaqueiro Rodríguez, sinalou que estes encontros formativos son especialmente importantes para poder definir líneas xerais de traballo que confluan no obxetivo central de creación do Atlas.
Nesta edición participaron unha docena de espeleólogos, que recibiron formación tanto nas ferramentas dixitais como na operativa de campo, para a creación das topografías das covas.
Quedaron feitas topografías en 3D do ‘Pozo Caldeiro’, cavidade vinculada ao carst da Cova do Rei Cintolo e os abrigos da Ameixoada, cavidades en pseudocarst granítico da parroquia de Couboeira, tamén en Mondoñedo.
Vaqueiro sinalou tamén que os vindeiros días 5 e 6 de marzo realizarase na sede coa que esta conta a Federación no Pazo de Santo Tomé -no centro de Mondoñedo- formación complementaria a este curso, para poder seguir avanzando no proxecto do Atlas.
Este laborioso proxecto, que financia a Secretaría Xeral para o Deporte con 12.000€, conta este ano con seguir posicionando e documentando cavidades e canóns de toda a Comunidade autónoma.