Co propósito de concienciar a todos os deportistas federados e aos clubs deportivos sobre a importancia e os beneficios do principio de igualdade dentro deles, a Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) convoca un CONCURSO, para a creación de logos e lemas sobre igualdade de xénero no noso deporte.

O mesmo rexerase polas seguintes BASES:

TEMA: O deseño constará dun logotipo e un lema, que fará referencia ao rexeitamento á violencia de xénero e o fomento da igualdade en Espeleología e Descenso de Canóns.

DESEÑOS A PRESENTAR:

  • Un máximo de 1 deseño por participante.
  • Formato: PDF. Horizontal ou vertical.
  • Tamaño: DINA-4.
  • Idioma: Galego.
  • Non se admiten deseños xa premiados ou presentados a outros concursos.

MODO DE PRESENTACIÓN: Enviar ao correo electrónico espeleoloxia@gmail.com os deseños, achegando o arquivo, que só debe indicar o titulo do deseño e un documento asinado coa cesión de dereitos.

PARTICIPANTES: Deportistas, técnicos e entidades, clubs e seccións de espeleoloxía, adheridos actualmente á FGE.

DEREITOS: Todas os deseños a concursar pasarán a formar parte do catálogo documental da FGE, a cal dispoñerá deles para o seu uso, en formato dixital e impreso; os autores serán mencionados sempre que se utilicen os seus deseños; todos os participantes deberán ter a autoría e outorgarán o permiso – asinado por escrito e enviado no momento de concursar- para a cesión dos deseños á FGE (RXPD).

PRAZO: Do 1 ao 30 de novembro de 2019 (ás 14:00 h).

ORGANIZACIÓN E XURADO: Estará composto por 4 membros da FGE: presidente, vogal de Publicacións (actuará como Secretario-sen voto); 1 membro da Asemblea ou Comisión Delegada e o responsable de maquetación da Revista Furada. O fallo do Xurado será inapelable e calquera incidencia será resolta polo mesmo. Os seus compoñentes non poderán participar neste concurso.

FALLO: O 14 de decembro 2019 faranse públicos os nomes dos gañadores na web federativa (espeleoloxia. org) e comunicaráselle a estes, a través do correo desde o cal enviaron os deseños.

PREMIOS: Establécense 3 premios por valor de 600€ para material deportivo (1º de 300€, 2º de 200€ e 3º de 100€). Estes deseños serán publicadas na Revista Furada.

CRITERIOS ESTÉTICOS: Teranse en conta -entre outros-: impacto visual, creatividade, composición, interese e calidade técnica. Ningún participante poderá recibir máis dun premio.

ENTREGA DO GALARDÓN: efectuarase na próxima Asemblea da FGE (21.12.2019).

Participar neste Concurso supón a plena aceptación das presentes BASES