Cursos Noticias

(Español) Rematou o Curso de Iniciación á Espeleoloxía. A partir de agora, ¡xa nos veremos polas covas!

Sentímolo, esta entrada atópase dispoñible unicamente en Español.) For the sake of viewer convenience, the content is shown below in the alternative language. You may click the link to switch the active language.

Nos fins de semana 10-11 e 24-25 de marzo do 2018 levouse a cabo o *Curso de Iniciación á Espeleoloxía, organizado pola Escola Galega de Espeleoloxía (EGE), nas localidades de Mondoñedo (Lugo) e Cobas (Ourense).

O primeiro finde foi no Refuxio da Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) en Argomoso (Mondoñedo).

O sábado pola mañá estivemos cun pouco de teoría para que os alumnos coñeceran dende dentro o mundo subterráneo (as súas formacións, o material necesario, nocións de seguridade…). Xa pola tarde puxémonos os arneses e comezamos coa práctica vertical para ir aprendendo a técnica de progresión por corda que se utiliza nas covas (ascenso e descenso, chaves de bloqueo, paso de fraccionamentos, desviadores e nós).

O domingo, a primeira hora da mañá, rematamos a práctica de vertical e ás 11h marchamos para a Cova do Rei Cintolo. Votamos alí todo o día, perdéndonos (é un dicir) polo seu gran percorrido, descubrindo todas as súas formacións, salas, galerías e segredos… “o certo é que a comida sabe moito mellor unha vez estás baixo terra”.

O segundo fin de  semana tocounos en Cobas, no refuxio da FGE.

O sábado estivemos todo o día de covas. Para poder chegar a elas tivemos que recorrer o fermoso Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Nestas cavidades tocou facer as prácticas de topografía para aprender a orientarse baixo terra. Na primeira custou un pouco arrancar, pero despois orientábamos bastante ben. O problema chegou na segunda, unha cova chea de ventás que dan ó río e de galerías en distintos niveis na que non resultou tan doado orientarse. Pero ó final conseguimos chegar ó punto sinalado.

O último día do curso fomos a unha cova vertical, para poñer en práctica todo o aprendido. Entramos nela pola bóveda do teito, rapelando un pozo de 18m completamente aéreo, sen paredes nas que poder apoiarnos. Fomos baixando sucesivos pozos ata chegar a un pequeno lago onde sifona a cova. Comemos dentro collendo forzas para poder afrontar a subida.

Xa de volta no refuxio, lavamos o material e recollemos todo.

Chegou a hora de despedirnos. O curso xa rematou.

A partir de agora, ¡xa nos veremos polas covas!

Iago Rodríguez Estévez, director do curso e técnico deportivo da EGE.

* Docentes do curso e técnicos deportivos da EGE: Iago Rodríguez Estévez, Francisco Couto Villar e Miguel Caramés Rodríguez.