![]() | Federación Galega de Espeleoloxía | Español | Galego |
Limiar: Boa Acollida (Autor: Enrique de Arce)
Boa acollida e espléndida impresión causou a Furada; esperamos que o novo número sexa do mesmo interese que o anterior.
Espeleocompetición (Autor: Redacción)
A competición entrou de cheo no eido da Espeleoloxía. Temos que destacar o éxito dun coruñés de Ártabros, Miguel Viqueira Pérez, nol I Campionato de Espeleoloxía Deportiva celebrado no ano 1988 en Oliete (Teruel). Viqueira acadou o terceiro posto, é dicir, converteuse nun dos tres españois máis rápidos no descenso de sima.
“Furnas” do litoral pontevedrés (Autor: José Higinio Diz Dios)
A exploración de cavidades de orixe mariña ou “Furnas” foi unha actividade prácticamente esquecida dentro da espeleoloxía galega. Este artigo é froito da labor de exploración e investigación do Espeleo Club Aradelas nese eido ao longo do litoral pontevedrés e trata de achegar un pouco máis esta actividade ao mundo da Espeleoloxía.
Complexo “K 1 – Cubelas” (Ourense) (Autor: Francisco Valencia Freire, Ignacio Rafael Ramos y Manuel Díaz Prieto)
Os autores ofrécenlle ó lector unha descrición desta singular travesía subterránea, que se pode realizar en Galiza cun desnivel máximo entre as súas bocas de 41,8 mts e un percorrido de máis de 900 mts.
A Cova Da Ceza (Autor: Manuel Díaz Prieto)
A serra do Courel (Lugo) é unha zona na que abondan os “calíos”. Entre eles destaca a Cova da Ceza, que agocha no seu interior o maior percorrido practicable de río soterrado coñecido en Galiza.
A Cova do Bao en Triacastela (Autor: Juan Mouriz Bello y Fernando Muinelo Rico)
Os autores describen o descenso á parte inferior desta cavidade, que resulta especialmente atractiva para o espeleólogo en época invernal, ao formarse no seu interior unha corrente de auga.
Primeiro Campionato Nacional de Espeleoloxía Deportiva (Autor: José Francisco Royo Morte)
Por primeira vez celebrouse en España un campionato de competición espeleolóxica, concretamente o descenso a unha sima de cen metros de profundidade. Un coruñés, da Sociedade de Montaña Ártabros, clasificouse no terceiro lugar. Neste traballo fálase da organización do campionato, o seu desenvolvemento e do éxito que tivo nos medios de información e no público.
A Espeleoloxía como competición (Autor: Miguel A. Viqueira Pérez)
Froito da contínua evolución, chegouse ao que hai anos sería totalmente impensable: as competicións espeleolóxicas. Xorden quizais contaxiadas por outros deportes de similares características, como a escalada deportiva, actividade na que este tipo de concursos funcionan con bastante éxito dende hai uns anos.
A Espeleoloxía española está á altura da mundial (Autor: Redacción)
Entrevista con Pau Pérez, presidente da Federación Española de Espeleología.
Díaz Jácome, cronista de “Cintolo” no 1954 (Autor: Redacción)
Nestas páxinas se reprodúcense íntegramente o texto, os títulos e os sumarios do número de “Faro de Vigo” que publicou a reportaxe da primeira expedición a “Cintolo” no verán de mil novecentos cincuenta e catro.
Os materiais arqueolóxicos das covas de Serra de Enciña da Lastra (Autor: Alfonso Vázquez-Monxardín Fernández)
O autor describe os achados arqueolóxicos realizados ata a data na serra ourensán de Enciña da Lastra. Efectúa tamén unha valoración e reflexión sobre estes.
Un torno lixeiro de corda (Autor: Francisco Martínez García)
Os tornos foron usados con escasa confianza na espeleoloxía. Son pesados, pouco fiables e, ademáis a súa instalación esixe a colocación de numerosas ancoraxes. No Congreso Internacional de Espeleosocorro celebrado en Trieste (Italia) foi presentado un novo modelo de torno lixeiro, seguro e que esixe unha soa ancoraxe. O autor describe neste traballo as características do aparello chamado a substituír aos tornos pouco fiables que aínda se empregan hoxe.
Colocación de aneis a quirópteros en cavidades naturais de Galiza (Autor: J. L. Sánchez Canals y J. Guitián)
Durante o período comprendido entre o 7 de decembro de 1985 e o 20 de febreiro de 1988, realizouse en Galicia (N.W. da Península Ibérica) 159 anelamentos de morcegos distribuídos entre as seguintes especies: 125 (70 machos, 55 femias) Rhinolophus ferrumequinum, 13 Minioterus scheibersi (7 machos, 6 femias) 16 Rhinolophus euryale (12 machos, 4 femias) e 5 Rhinolophus hipposideros (5 femias). Son recapturados 11 exemprares da especie Rh. Ferrumequinum; destes 10 son capturados na mesma localidade na que foron anelados e soamente un se atopou nunha localidade diferente, a 6 kilómetros en liña recta. Nos individuos recapturados observouse un incremento de peso antes da época invernal e unha diminución durante o período de letargo. Tamén se observaron oscilacións parecidas nas medidas dos antebrazos. Cuestionáse o risco que ofrece a manipulación dos animais vivos para este tipo de traballos, e recoméndase facer unha valoración do risco fronte aos resultados. Insístese na importancia que ten a colaboración dos espeleólogos no seguimento dos morcegos anelados para coñecer os seus desprazamentos e proporcionar a información necesaria para que as medidas de protección sexan eficaces.
Os pintores prehistóricos e a iluminación das covas (Autor: Alfredo Peris Gil)
O autor deste comentario ofrece a súa opinión sobre a iluminación empregada nas covas polos pintores prehistóricos. Inclínase a crer que a fonte de luz foron fungos e bacterias relativamente frecuentes na Natureza e que se desenvolven espontaneamente en animais mortos, especialmente no peixe.
Axenda
Novas breves